Administra o teu Blogue

¡Crea o teu Blogue Xa! Doado e Gratis

SOCIEDADE DA INFORMACIÓN

pontedeumesi — 15-05-2007 GTM 2 @ 13:57

O desenvolvemento da Sociedade da Información constitúe no momento actual unha das prioridades dos gobernos de tódalas comunidades e nacións do noso contorno máis próximo. A Unión Europea vén manifestando reiteradamente a necesidade de promover políticas públicas orientadas á eliminación da chamada fenda dixital que se produce entre as comunidades máis avanzadas e aqueloutras cun menor nivel de desenvolvemento, así como entre diferentes colectivos que poden ter especiais dificultades de acceso ó coñecemento e uso das novas tecnoloxías da información e as comunicacións.
Na Comunidade Autónoma de Galicia, as competencias para o desenvolvemento da SI corresponden á Consellería de Innovación e Industria. Entre estas competencias están as de coordinación das actuacións dos diferentes entes públicos e das distintas administracións. A suma de esforzos considérase fundamental para poder acadar un desenvolvemento harmónico en tódolos sectores, logra-la alfabetización dixital de toda a poboación e achegar nos próximos anos a comunidade autónoma ós niveis das comunidades máis avanzadas, corrixindo as deficiencias observadas que fan que, no momento actual, Galiza estea situada nos últimos lugares en relación coas demais comunidades autónomas do Estado español.
Así, a Consellería de Innovación e Industria, puxo en marcha un proxecto de dinamización da Sociedade da Información co obxectivo de motivar á poboación no emprego das novas tecnoloxías da información e as comunicacións e, especialmente, no uso da internet.

O concello de Pontedeume está a colaborar neste proxecto poñendo os recursos cos que conta a disposición dunha dinamizadora tecnolóxica que está a traballar no propio concello organizando obradoiros e ofrecendo información variada sobre as novas tecnoloxías.